Que é o Correlingua?
Desde a Asociación Cultural Correlingua vimos organizando unha actividade de carácter nacional que transita dunha a outra localidade cun denominador común que é a normalización lingüística da mocidade e a infancia. Para isto contamos coa axuda loxística da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, así como coa colaboración das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo, entre outros.
CORRELINGUA, denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e a infancia e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
O Correlingua, que xa vai pola súa décimo oitava edición, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, así como o apoio de persoeiros e organizacións de todo tipo.