Fálame! (Manifesto Correlingua 2022)

Fálame! (Manifesto Correlingua 2022)

Míranos, aquí estamos, somos o futuro. Os soños que temos hoxe
construirán o mundo mañá. Pero hoxe falámosvos dende o presente,
queremos pedirvos que nos escoitedes e, sobre todo, que nos faledes. Por
que non me falas? FÁLAME!
O galego é unha lingua que transmite unha cultura, a lingua da que veñen
moitas das nosas familias, as palabras que fixeron medrar este lugar. Para
outras, é unha lingua nova, a dunha terra que se convirte na súa. Por que non
valoramos a lingua como facemos coas persoas, coa historia familiar, con
outros bens?
Amar e respectar unha lingua é tan importante como respectar a quen nos
rodea. Se temos tan preto o galego…por que non me falas? FÁLAME.
Familias, mestras e mestres, medios de comunicación, institucións…
Como vou falar se non me falas, ler se non me les, cantar se non me cantas?
FÁLAME!
Como imos apreciar algo que non nos axudades a coñecer? Comunícate
comigo e…FÁLAME!
Se tedes a obriga de coidar e facer medrar o galego… porque non o facedes?
Por que non me falas? FÁLAME!
Se tedes o compromiso de falarnos… por que non me falas? FÁLAME!
E, finalmente, a todas as persoas que compartides esta festa da lingua
queremos pedirvos tamén que nos faledes. Non teñades vergoña, as linguas
apréndense practicándoas. E saber falar diferentes linguas faite unha persoa
lista, atractiva, interesante, moderna, comprometida. O galego conéctanos
con cousas boas e fermosas, con xente talentosa e intelixente. Aproveita que
aínda podes… e FÁLAME!

Texto colectivo, resultado dos obradoiros ‘Desata a lingua’ no que participaron alumnos e alumnas de: IES Da
Pedra (Ponteareas), IES A Pastoriza (Arteixo), IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), IES Nª Sª dos Ollos
Grandes (Lugo), IES de Brión, IES 12 de outubro (Ourense), IES de Pontecaldelas, IES San Tomé de Freixeiro
(Vigo). Os obradoiros foron impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira, Tamara Andrés e Lucía
Aldao.