06 Mar As labregas e labregos da linguaxe do IES Antón Fraguas gañan o concurso do manifesto 2018 coa proposta RAPEA, QUE A LINGUA NON PARA!
A lingua non para
Desde as vellas cantigas
Onde as Ondas do Mar de Vigo,
as ondas do mar levado,
xa falaban como eu falo
Así comeza o manifesto do Correlingua 2018. Este rap foi creado polo alumnado de 3ºC da ESO do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela.
Baixo o alcume “Labregos da linguaxe” as rapazas e rapaces do IES Antón Fraguas compuxeron un texto que combina referencias á historia nosa literatura con cuestións contemporáneas como a imposición a través da LOMCE de impartir algunhas materias en español: Dirás, /que no instituto non o falas,/ porque as matemáticas, dalas,/en castelán ou a relación entre mocidade, redes sociais e lingua: Na túa conta de Instagram, no Twitter ou no Facebook, A LINGUA NON PARA.
A rapazada creadora do manifesto gozará como premio dunha estadía de dous días no albergue de Alvarella Ecoturismo, en Doroña (A Coruña) con varias actividades coma unha visita ao Museo Etnográfico da Capela ou un roteiro polas fragas do Eume. Compartirán este premio co grupo que gañe o concurso de vídeo do Correlingua, na categoría de ESO e bacharelato, cuxos premiados se coñecerán despois do 15 de marzo, data límite para entregar as propostas.
Moitos parabéns ás labregas e labregos da linguaxe e moitas grazas a todo o alumnado e profesorado que participou no noso concurso do manifesto 2018. Chegáronnos propostas ben xeitosas que publicaremos proximamente na nosa web www.correlingua.gal . Esperámosvos para o ano porque a lingua non para!
A continuación reproducimos o manifesto co que comezarán todas as festas finais do Correlingua 2018:
RAPEA, QUE A LINGUA NON PARA!
A LINGUA NON PARA
dende as vellas cantigas
onde as Ondas do Mar de Vigo,
as ondas do mar levado,
xa falaban como eu falo.
Dicía Francisco Añón
“Esperta, adorada Galicia”,
albiscando a alborada,
a alba para a nosa fala.
Os malditos prexuízos
son coma unha Negra Sombra,
que escurece a súa honra,
pero aínda así,
A LINGUA NON PARA!
Porque na nazón de Breogán,
que vas falar, castelán?
Ao longo da nosa historia
A LINGUA NON PARA!
Que por que falo galego?
Porque é a miña lingua,
porque tamén é a túa,
porque vivo na Galiza
e porque non me dá preguiza.
Porque o fala a miña xente,
iso sempre teno en mente.
E sobre todo porque quero,
por que non falar galego?
Cres, que es,
máis pailán
se non falas castelán?
Non eres un paifoco,
por falares connosco.
Cres, que es,
máis rústico por ter
o galego como lingua
dime,
ti que queres ser?
Non pareces un boubexo
por falares o galego.
Cres que o era Castelao
por non falar castelán?
Ou érao Rosalía
por falar como quería?
Sexas de Santiago,
de Viveiro ou de Tui.
Veñas da Coruña,
de Lugo, de Marín,
de Ourense ou de Lalín.
Aínda que vivas na cidade
ou sexas do rural,
escoita: A LINGUA NON PARA!
Dirás,
que no instituto non o falas,
porque as matemáticas, dalas,
en castelán.
Ensinaríanche
a contar en inglés
mais non sabes de onde vés.
O galego é a túa lingua,
é que aínda non o ves?
Pois nas aulas, A LINGUA,
TAMPOUCO PARA!
Cres que es máis guai
por escribir en castelán
no teu estado de Whatsapp.
En vez de música galega
prefires o reggaeton:
por que razón?
Chega outro século escuro
cando apagas
a pantalla do móbil,
despois de chatear,
con Uxía, con Brais e con Xián,
pero só en castelán.
Na túa conta de Instagram,
no Twitter ou no Facebook,
A LINGUA NON PARA!
Aínda que che poñan trabas,
FÁLAA!
Queremos que che quede claro
que o galego hai que falalo.
Así que na escola,
na casa ou na rede,
recorda,
A LINGUA NON PARA!
Labregos da linguaxe
Descarga o Manifesto gañador do Correlingua 2018