16 Feb Horror Vacui
Noroeste estraño é o título do último traballo da banda de Roberto Sobrado: unha volta arredor de si, rockeira, unha reivindicación “resentida”, un harakiri consciente pero non total ao cantautor que leva dentro. Sonoramente eclécticos (coma sempre) fártanse de facer chiscadelas reixianas, calamarianas, indie-beatles e incluso radioheadianas e suaves. Os textos retórcense buscando a metáfora asequible, o punto social, o escéptico, o surrealista e o amor.
Nihil novum sub sole but I like it.
Voltan os estilos con xenio de can.
Ven bailar.
Roberto Sobrado é música e poesía. Sempre vai haber algún acorde que saia da súa guitarra para encher unha festa, sempre un verso a ilustrar un capítulo da vida.
Comezou con Silvio, Sabina e Serrat, logo deulle por Calamaro e Reixa, mais os seus propios versos e melodías non lles desmerecen a ningún deles nin en forza nin en compromiso.
Curtido no Fonte Sequelo (Compostela) madurou na Cavern (Liverpool) berce, entre outros, dos Beatles. Mais afortunadamente volveu ao país e deulle forma a unha banda que desde entón o acompaña e fai medrar a súa música. Música feita con sentidiño e sentimento. Música feita en Galiza e en galego.
Os seus discos son cálidos os seus directos dinámicos. Non dubidedes en achegarvos a el porque sempre sairedes cun sorriso nos lábios, sempre levaredes un retrouso no corazón.