24 Feb Oporto
Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para internet. A curiosidade de Ula e Mon, dous amigos de toda a vida, fai que empecen a subir videoclips que eles mesmos producen e que coa forza das redes sociais pronto contan co apoio do público. Este empuxe da xente é o que os incita a montar unha banda en clave de rock formada por Beny á batería, Torroncho ó baixo, Carba e Pla ás guitarras e os propios Ula e Mon ás voces. Despois de ofrecer un bo número de concertos pola xeografía galega presentando a nova banda na primavera de 2017 sacan o seu primeiro disco, un dobre LP baixo o nome de “LP Padre” no que a banda saca a luz un bo puñado de temas novos e recupera algúns dos temas antigos que mellor aceptación do público tiveron. En 2020 sacan o seu segundo disco, o Black album con 14 novos temas sen unha etiqueta estilística que fai que o grupo conserve a súa identidade transgresora sen casar con ningún xénero musical.
A banda tamén ofrece un formato reducido para locais pequenos onde Ula e Mon cantan a dúo en acústico, formato no que se presentan a esta edición do Correlingua.