Vinte coa lingua será o lema Correlingua 2020

Vinte coa lingua será o lema Correlingua 2020

A 20 edición do Correlingua bota a andar co lema vinte coa lingua.

O Correlingua celebrará no ano 2020 os seus 20 anos reivindicando o dereito a vivir en galego. Desta idea xorde o lema vinte coa lingua, que percorrerá Galiza durante as festas finais do Correlingua en maio e estará presente nas aulas de todo o país durante todo o curso a través dos concursos de manifesto, vídeo, banda deseñada.

Vinte coa lingua será o lema que deberá inspirar todas as propostas dos concursos de animación das 12 festas finais que se celebrarán do 5 ao 15 de maio do 2020. Ademais, todos os centros de ensino que vaian participar nos concursos de elaboración do manifesto, vídeo e banda deseñada do Correlingua 2020 traballarán arredor de vinte coa lingua para realizar os seus proxectos.

Para celebrar os seus 20 anos o Correlingua contará como novidade cun premio extra para cada grupo gañador dos concursos de elaboración do manifesto, vídeo e banda deseñada: unha clase maxistral no caso da BD e o vídeo e un obradoiro de creación literaria para o manifesto que impartirá no propio centro de ensino do grupo gañador unha persoa de recoñecido prestixio no sector audivisual, artístico e literario. Este premio engadirase á xa tradicional viaxe dun día para primaria e dous para secundaria e entrega de diplomas na presentación do Correlingua 2020.