11 Mar TerZas, grupo composto por alumnado de 3º da ESO do CPI de Zas, gaña o concurso de manifesto 2020
VINTE COA LINGUA, VINTE COA REBELDÍA. Así titularon 15 mozas e mozos de 3º da ESO do CPI de Zas o manifesto co que gañaron o concurso de manifesto do Correlingua 2020.
As rapazas e rapaces de 3º da ESO do CPI de Zas gañaron o concurso de elaboración do manifesto para o Correlingua 2020 cun texto no que se dirixen a todos os sectores da sociedade (familias, institucións, medios de comunicación, empresas, Igrexa…) para reivindicar a necesidade de “dar a batalla” en defensa do idioma. O xurado escolleu entre as propostas presentadas este manifesto como gañador ao considerar que tanto o formato como o contido do texto concreta o lema do Correlingua 2020, vinte coa lingua, en referencia aos 20 anos do Correlingua reivindicando o dereito a vivir en galego.
As autoras e autores do manifesto terán dobre premio como celebración do 20 aniversario do Correlingua: por unha banda gozarán dunha estadía de dous días no albergue de Alvarella Ecoturismo, en Doroña (A Coruña) con varias actividades, entre elas un roteiro polas fragas do Eume e tamén unha visita ao Museo Etnolóxico da Capela. Este premio será compartido co grupo que gañe o concurso de vídeo do Correlingua, na categoría de ESO e bacharelato, que se coñecerá despois do 16 de marzo, data límite para entregar as propostas. Ademais, o premio extraordinario desta edición consiste nun obradoiro de creación literaria que a autora Antía Yáñez impartirá no centro do alumnado, o CPI de Zas.
Moitos parabéns ás mozas e mozos de 3º da ESO do CPI de Zas e moitas grazas a todo o alumnado e profesorado que participou no noso concurso do manifesto 2020. Chegáronnos propostas moi inspiradoras que publicaremos proximamente na nosa web www.correlingua.gal . Agardámosvos o ano que vén!
A continuación reproducimos o manifesto que se enviará a todos os centros do país co cartaz da edición e que se lerá en todas as festas finais do Correlingua 2020:
“Vinte coa lingua, vinte coa rebeldía”
Benvidas e benvidos a outra festa do Correlingua , outra festa da
rebeldía !!
Porque se estamos aquí, compañeiras e compañeiros, é porque somos
xente rebelde . En pleno século XXI percorrer as rúas defendendo os
nosos dereitos lingüísticos é un dos maiores actos de reivindicación
cidadá.
Porque herdamos unha lingua socialmente enferma e somos capaces, a
pesar da nosa idade, de estourar as rúas das vilas e cidades galegas
coas nosas voces e as nosas proclamas. Queremos facer reaccionar á
sociedade adulta que non soubo ou non puido darlle o lugar que merece
como lingua do pobo. Se agora tan só hai un 25% de rapaces e rapazas
galegofalantes entre os 4 e os 14 anos, debedes recoñecer que non
fixestes as cousas ben:
● nin as familias, deixando de transmitir o idioma;
● nin as institucións, aprobando decretos que nos tollen a lingua nas
materias STEM;
● nin os medios de comunicación, cuxa aposta polo galego se
reduce a un uso ritualizado que lles garante recibir as axudas
públicas ;
● nin as empresas, nin a Igrexa, nin o SERGAS…
E poderiamos dicir, unha atrás doutra, esferas sociais que, por mor de
ideas preconcibidas e propias doutros tempos non democráticos,
provocan a situación lingüística que nós herdamos: o abandono
lingüístico parece estar en marcha mais nós imos dar a batalla .
Dende aquí, tomando o mando e erguendo a voz:
● Familias: vós queredes sempre o mellor para nós, e o mellor é
construírnos para sermos persoas libres. Criarnos en galego é o
primeiro chanzo dese camiño, porque só cando somos
galegofalantes somos realmente libres.
● Excelentísima conselleira Carmen Pomar: reconsidere o Decreto
79/2010, aposte polas linguas cooficiais e iso significa poñer en
marcha mecanismos que garantan a equidade social dos dous
idiomas.
● Medios de comunicación: a mellor maneira de chegar a unha
persoa é falarlle na súa lingua, non o dicimos nós, díxoo Nelson
Mandela. Empreguen o idioma e así nós confiaremos máis na súa
información.
● Sociedade galega: apostar polo galego nunca significa desleixar o
castelán, mais a opción contraria si determina o abandono dun
dos nosos maiores tesouros como pobo: a nosa lingua.
Aquí estamos, ocupando outra vez as rúas, os escenarios e os
micrófonos. E xa van 20 anos: miles de escolares de todo o país
festexando ter unha lingua propia, reivindicando poder vivir en galego
día a día.
Grazas, Correlingua!! O voso aniversario é tamén o de todas e todos
nós porque o que festexamos son cousas tan importantes como: termos
unha lingua de noso; defendermos a diversidade e as liberdades
individuais e colectivas; e garantir que esta xeración que está aquí
defende a democracia, a convivencia e o respecto.
As persoas que asinamos este manifesto sentímonos afortunadas por
sermos mocidade galegofalante. Animamos e apoiamos a todas as
persoas que queiran iniciar o seu camiño na lingua: aquí estamos,
contade connosco!!
Somos semente florecida do noso idioma.
Somos e seremos NÓS: unha colectividade de EUS que nunca
serán YOS .
TerZas
Preme aquí para descargar o Manifesto Correlingua 2020