19 Abr Presentación do Correlingua 2016 e entrega de premios
A 16ª edición do Correlingua foi presentada esta mañá en Pontevedra. No acto participaron 70 alumnas e alumnos dos tres centros gañadores dos certames de Manifesto, Vídeo e Banda Deseñada.
Baixo o lema: “O galego está en nós”, doce carreiras pola lingua percorrerán 12 localidades galegas entre o 2 e 16 de maio.
A edición 2016 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ourense, e as Deputacións de Lugo, Pontevedra e a Coruña, foi presentada esta mañá no Museo Provincial de Pontevedra.
Nesta presentación do Correlingua realizouse a entrega de premios ao alumnado gañador de cada un dos certames que foi:
- No certame de Manifesto: “Os portugas”, alumnado de 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
- No certame de Vídeo: alumnado de 3º da ESO do IES de Elviña
- No certame de Banda Deseñada: alumnado de 2º de Primaria do CPI de Pontecesures
O alumnado recolleu os premios manifestando a súa satisfacción por ter participado nunha actividade colectiva que, ademais, lles permitiu reflexionar sobre a nosa lingua.
O Correlingua, percorreará doce localidades galegas entre o 2 e 16 de maio, baixo o lema: O galego está en nós, inspirado nun poema do poeta chairego ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2016, Manuel María. O propio poeta participou en numerosas ocasións nesta actividade.
O Correlingua é unha actividade escolar que dura todo o curso escolar. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.
No acto de presentación de hoxe, estiveron presentes e interviñeron en nome das entidades organizadoras Anxo Louzao, Secretario nacional da CIG-Ensino, Marcos Maceira, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Mª dos Anxos González Refoxo, vicepresidenta da AS-PG; Goretti Sanmartín, Vicepresidenta da Deputación da Coruña e Xosé Leal, Deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra. Desde a organización agradeceron a implicación e colaboración do profesorado e do alumnado participante. Tamén agrdeceron o apoio das institucións que acollen a actividade e entenden que deben implicarse na aposta pola normalización do noso idioma. Agradecemento extensivo a todas as persoas que dun ou doutro xeito colaboran coa actividade (así as e os que prestaron a súa imaxe para o cartel).
As e os intervenientes no acto incidiron na importancia de contarmos con actividades normalizadoras, que promovan a reflexión sobre a situación do noso idioma e incidan na sensibilización no seu uso, como mecanismo imprescindíbel para o seu futuro, algo especialmente necesario no actual contexto de desgaleguización. Ao mesmo tempo, fixeron un chamamento ao uso diario do galego por ser esta lingua sinal de modernidade.
Cada unha das doce carreiras rematará nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, en que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado de diversos centros que seleccionaron como gañadores a Zënzar, Liviao do Marrao e Pito de Pikasso.
Nesta edición contaremos para conducir o acto da festa final co grupo teatral Talía Teatro que estarán presentes na maioría das localidades.