10 Out O galego é a fórmula, lema para o Correlingua 2019
O Correlingua 2019 bota a andar e faino co lema o galego é a fórmula.
O galego é a fórmula será o lema da 19 edición do Correlingua. Desde a organización do Correlingua queremos centrar a atención na necesidade de que o galego estea presente en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico. Desta idea nace o galego é a fórmula, lema no que se inspirarán todas as accións do Correlingua 2019.
Nesta edición contaremos, máis un ano, con concursos para todos os niveis do ensino, como son o de manifesto, o de vídeo e o de banda deseñada. Nas 12 festas finais programadas para maio tamén terán lugar os concursos de animación, nos que o alumnado participa todos os anos con proxectos elaborados arredor do lema da edición.
Como novidade, para o Correlingua 2019 abrimos unha páxina na rede social Insagram na que toda a comunidade educativa poderá ver os contidos gráficos e novas do Correlingua, así como compartir os seus contidos baseados no lema o galego é a fórmula. O obxectivo é que a mensaxe normalizadora do Correlingua chegue ao maior número de persoas posíbel.