11 Mar O alumnado de 4º da ESO do IES de Carral, baixo o alcume Os Toxos, gaña o concurso de manifesto 2019
“TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA” é o título do manifesto co que as mozas e mozos de 4º da ESO do IES de Carral gañaron o concurso de manifesto do Correlingua 2019.
As rapazas e rapaces de 4º da ESO do IES de Carral gañaron o concurso de elaboración do manifesto para o Correlingua 2019 cun texto que integra os elementos da táboa periódica coas reivindicacións en favor do uso do noso idioma por todas as persoas e en todos os contextos. O xurado escolleu como gañador este texto ao considerar que desenvolve tanto na forma coma no contido a esencia do lema do Correlingua 2019, o galego é a fórmula, referido á necesidade de que o galego teña presenza en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico.
As autoras e autores do manifesto gozarán como premio dunha estadía de dous días no albergue de Alvarella Ecoturismo, en Doroña (A Coruña) con varias actividades, entre elas un roteiro polas fragas do Eume e tamén unha visita ao Museo Etnolóxico da Capela. Este premio será compartido co grupo que gañe o concurso de vídeo do Correlingua, na categoría de ESO e bacharelato, que se coñecerá despois do 15 de marzo, data límite para entregar as propostas.
Moitos parabéns ás mozas e mozos de 4º do IES de Carral e moitas grazas a todo o alumnado e profesorado que participou no noso concurso do manifesto 2019. Chegáronnos propostas moi inspiradoras que publicaremos proximamente na nosa web www.correlingua.gal . Agardámosvos o ano que vén!
A continuación reproducimos o manifesto que se enviará a todos os centros do país co cartaz da edición e co que comezarán todas as festas finais do Correlingua 2019:
“TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA”
Hai 150 anos o ruso Mendeleiev presentou unha táboa periódica que se converteu no corazón da Química. As galegas e os galegos somos os elementos da nosa táboa periódica, a nosa lingua. Os símbolos químicos e o noso idioma xuntos:
Reacción Química – Reacción Lingüística:
Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:
*O GALEGO É A FÓRMULA*! – *A FÓRMULA É O GALEGO*!
Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:
*O GALEGO É A FÓRMULA*! *NÓS SOMOS O ELEMENTO*
REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN…
ESTES SON OS SÍMBOLOS QUÍMICOS!
O GALEGO É O NOSO SÍMBOLO!
TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA!
AGora é o momento!
ALimenta a túa lingua!
ANtes falárona outros!
APostamos polo futuro!
AVanzamos…
Acollemos tamén aos de fóra AY, BW, JK, JU, K, WK, WO, WT, YZ
Bioloxía en galego, berra!
BuscA a súa alma
BaiLa coa lingua
Cántao
non a CAmbies por nada
CoNtáxiate do galego
COlabora con nós
CRea en galego
CaStelao, Rosalía, somos unha lingua viva
Coida o Teu legado
Cóidaa, Valóraa, quérea, úsaa.
Física en galego festexa
Fálaa, Escóllea
FLirtea con ela
o FogaR de Breogán
un FUturo en galego
GÁrdaa coma se fose ouro
aGaRimos con forma de palabras
paLAbras doces
podes LeVala contigo a calquera lugar
Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:
*O GALEGO É A FÓRMULA*! – *A FÓRMULA É O GALEGO*!
Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:
*O GALEGO É A FÓRMULA*! *NÓS SOMOS O ELEMENTO*
REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN…
ESTES SON OS SÍMBOLOS QUÍMICOS!
O GALEGO É O NOSO SÍMBOLO!
TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA!
MAiores e nenas falando en galego
non a MEnospreces
lingua MaGnética
Moitas Horas gozándoo
MáIs conciencia da situación
Música eN galego
Máis soRrisos
as MaTes en galego
Non Deixes que o degraden
que NinGuén che diga que non serve para nada
NOn o deixes de falar
NUnca esquezas de onde es
PouCo a PouCo reacción
PEnsa no futuro da lingua
non só do RUral
SaBemos como aproveitalo.
SoMos galegas
SeN perda de tempo
SorRí por iso
SínteTe orgulloso
Transmite o que pensas
TEcnoloxía en galego
ValoRa o que tes
en Zocos, en Zocas, en tenis ou con botas
Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:
*O GALEGO É A FÓRMULA*! – *A FÓRMULA É O GALEGO*!
Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:
*O GALEGO É A FÓRMULA*! *NÓS SOMOS O ELEMENTO*
REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN…
ESTES SON OS SÍMBOLOS QUÍMICOS!
O GALEGO É O NOSO SÍMBOLO!
TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA!
Os Toxos (alumnado de 4º da ESO do IES de Carral)