27 Feb NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA, Manifesto Correlingua 2023
Podemos parecerche xente pequena, pero somos o futuro! Somos xente lista! Xente intelixente! E hoxe viñemos aquí a botar a lingua fóra! Porque co galego podemos facelo. E ti tamén podes! Hoxe podemos botar a lingua para ensinarlla ás persoas que nos cruzamos pola pola rúa, podemos botar a lingua a pacer, podemos botar a lingua aos libros, podemos botar a lingua á tele, aos xornais, ás mestras e os mestres, ás nais e aos pais, ás familias todas! Porque a lingua que sacamos é a nosa: O GALEGO! Así que neste 2023 NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Con esta forza que nos dá o galego, queremos botar a lingua fóra diante de vós, as nosas familias, e pedirvos que vós tamén o fagades. Faládenos en galego, axudádenos a falalo, practicade con nós. Familias, ensinade a lingua e vide berrar ben alto: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Botamos a lingua fóra porque amamos o galego da mesma maneira que amamos todas a linguas e a súa riqueza, porque sabemos que cada lingua importa e non é de mala educación botala fóra para ensinarlla a toda a xente: a quen a sabe falar e a quen a está aprendendo, a quen a ama e a quen a descoñece. Mostremos a lingua ao mundo! NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Hoxe imos botar a lingua fóra diante das nosas mestras e dos nosos mestres, diante das persoas que teñen a responsabilidade da educación no noso país. Botamos a lingua fóra para que se vexa que queremos unha escola que respecte e defenda de verdade o galego, unha escola que nos dea a posibilidade de telo preto, de facelo visible, de coñecelo e divertirnos aprendéndoo. Unha escola que o valore como un coñecemento cargado de futuro e de posibilidades. Por iso berramos: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Botamos a lingua fóra diante dos medios de comunicación para pedir que apoien a nosa lingua e a nosa cultura. Botamos a lingua para que se escriban máis páxinas en galego, que haxa en todas as teles presenza do galego, que nas radios se poña música en galego todos os días, porque a nosa lingua non é unha anécdota: é unha lingua viva, moderna, útil e valiosa. Por iso hoxe berramos NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Botamos a lingua fóra para que a literatura galega chegue aos medios, ás librerías e bibliotecas. Para que a música en galego se escoite con normalidade. Para que as redes en galego medren e nos cheguen. Para que a arte creada en galego saia por todo o mundo. Por iso berramos: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
E finalmente, botamos a lingua fóra diante das institutións que teñen que defender o galego como un tesouro de valor incalculable. Mirade a nosa lingua! Queremos vela nos documentos oficiais, no médico, nas tendas, nos medios, nos libros, nos videos, nas aplicacións… Queremos que a nosa lingua, que é longuísima, chegue a todos os recunchos do mundo. Pero para iso precisamos da vosa axuda. Por que non vide berrar con nós?: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Hoxe podemos facelo e imos facelo: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Este manifesto é o resultado dos obradoiros Desata a lingua celebrados no 2022 no que
participaron alumnas e alumnos do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES da Guía
(Vigo), IES Chano Piñeiro (Forcarei), IES María Soliño (Cangas), IES Parga Pondal (Carballo), IES
Ánxel Fole (Lugo), IES Fontem Albei (A Fonsagrada), IES Illa de Sarón (Xove). Os obradoiros foron
impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao.
O cartel deste ano é de Xulia Pisón