Mekánika Rolling Band gaña o Cantalingua 2025

Mekánika Rolling Band gaña o Cantalingua 2025

A Mekánika Rolling Band, Pauliña e Os John Deeres son as gañadoras da edición do Cantalingua desta convocatoria de 2025 e serán a banda sonora das Festas que se celebrarán ao longo do vindeiro mes de maio nas catro provincias galegas.

O xurado desta edición – composto por alumnado ESO e bacharelato de centros participantes e por membros da organización do Correlingua – escolleu como grupo gañador a Mekánika Rolling Band, que destacou coa súa canción Vinde a festexar. O segundo lugar foi para Pauliña coa súa canción Carolina, mentres que o terceiro premio recaeu en Os John Deeres coa canción Pulso.

Na presente edición do Cantalingua participaron un total de 28 bandas e solistas, con propostas musicais de todos os estilos, todas en galego. Os gañadores formarán parte das actuacións nas festas do Correlingua 2025, promovendo a música na nosa lingua a través de concertos en centros escolares e espazos públicos.

O Cantalingua forma parte das actividades do Correlingua, promovidas por CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación socio-pedagóxica galega.

A Mekánika Rolling Band foi elixida coa canción Vinde a festexar. Este é un grupo de animación de rúa, que conta cun escenario móvil autoamplificado, e que incorpora efectos visuais de lume e pirotecnia a parte dun show enérxico, participativo e dinámico. No formato de escenario o show tamén inclúe efectos de lume e pirotecnia.
Conta cunha traxectoria de 15 anos, nos que xiraron por toda a península e parte de Europa, exportando a música galega pola Península e a países como Alemania, Austria, Francia e Italia.
A banda está formada por Nolo Chazo a Batería, Pepe Noya ó baixo, José Hermo a guitarra, Martín Chenlo ó trombon, Adrián Trillo ó saxo alto, Daniel Vieito ó saxo tenor e voces e Aitor Garcia ó keytar e voces.

Pauliña, co tema Carolina, obtivo o segundo posto. É unha das bandas de referencia do panorama musical galego actual, coa cambadesa Paula Chaves “Pauliña” a fronte, a cal demostra enriba das táboas que ademáis de ser unha das grandes voces galegas é unha loitadora incansable a prol da igualdade, da loita feminista e da defensa da língua e a cultura da Galiza. Son moitas as súas influenzas musicias que van dende o country o blues pasando polo reggae, rock, ska, etc., conxugando todos estes estilos musicais nunha mestura a cal lle imprimen o su selo propio, sendo unha proposta musical diferente e innovadora, que fai que os seus concertos non deixen a ninguén indiferente.

Finalmente, Os John Deeres, co tema Pulso quedaron no terceiro lugar. Presentaron a esta edición do Cantalingua o primeiro corte do seu novo disco, O círculo das formigas, un disco conceptual con dúas partes, Pulso e Inercia e cheo de referencias literarias e cinematográficas (Manolo Rivas, Rosalía de Castro, Vidal Bolaño, os irmáns Coen…).

Os concertos das bandas gañadoras terán lugar ao longo do mes de maio de 2025 nas diferentes provincias galegas, no marco das Festas do Correlingua. Estes eventos continúan promovendo a música en galego e a defensa da nosa lingua, celebrando o talento musical da nosa comunidade.

Podes escoitar os temas gañadores e os demais participantes no seguinte enlace:

Todas as cancións de Cantalingua 25