12 Abr Mekánika Rolling Band gaña o Cantalingua 2023 e As Monchas e Cuarta Xusta obteñen a segunda e terceira prazas
Mekánika Rolling Band, As Monchas e Cuarta Xusta son as bandas gañadoras da edición do Cantalingua desta convocatoria de 2023 e serán as bandas que participarán nas Festas convocadas en espazos públicos e centros escolares das catro provincias e que se celebrarán ao longo do vindeiro mes de maio. Como xa ocorreu no pasado 2022, o xurado escolleu a Mekánika Rolling Band como grupo gañador. O segundo lugar foi para o dúo punkInfantil As Monchas e o terceiro premio foi para a banda Cuarta Xusta, que ten concorrido tamén en anteriores celebracións de Cantalingua. Na actual edición do Cantalingua participaron un total de 35 bandas e solistas con músicas de todos os estilos cantando en galego.
Mekánika Rolling Band gañou coa canción “Maruxaina”. A Mekánika Rolling Band é un grupo de animación de rúa, que conta cun escenario móvil autoamplificado, e que incorpora efectos visuais de lume e pirotecnia a parte dun show enérxico, participativo e dinámico. No formato de escenario o show tamén inclúe efectos de lume e pirotecnia. Conta cunha traxectoria de 15 anos, nos que xiraron por toda a península e parte de Europa, exportando a música galega pola Península e a países como Alemania, Austria, Francia e Italia. A banda está formada por Nolo Chazo a Batería, Pepe Noya ó baixo, José Hermo a guitarra, Martín Chenlo ó trombon, Adrián Trillo ó saxo alto, Daniel Vieito ó saxo tenor e voces e Aitor Garcia ó keytar e voces. No ano 2017, foron semifinalistas no Concurso GOT TALENT SHOW de Telecinco. Dende hai 5 anos, lideran o Ranking da plataforma Orquestas de Galicia facendo unha media de 90 concertos por temporada.
As Monchas. Da suma dun músico punk e un músico infantil nace este dúo que considera que non hai nada máis punk ca unha nena. Peter Punk e Brais das Hortas fan punk para peques. A canción coa que obtiveron o segundo lugar no Cantalingua foi “O oso do Caurel”.
Cuarta Xusta. “Globalización” é o título da canción coa que Cuarta Xusta obtivo o terceiro lugar no Cantalingua 2023. A banda está formada por Lúa Aguete Naveira -Batería, Laura Romero- Baixo, Alberto García (Friufe) – Guitarra e voz, Marta María Sánchez Villarabide- Violín, guitarra e voz, Aida López Costa- Voz principal. Cuarta Xusta nace en Melide en xaneiro de 2016, grazas ao Presumo de galego (festival organizado no Pub Gatos a través do IES de Melide) , o nome debese a un intervalo musical xa que nun principio eran catro integrantes.
Podedes escoitar na seguinte ligazón as tres cancións gañadoras desta edición e o resto das pezas presentadas a esta convocatoria do Cantalingua.