03 Nov Editorial Correlingua 2016
Un ano máis comeza o Correlingua que, desta volta, vai ter por lema O galego está en nós, unha mensaxe inspirada nun dos participantes máis ilustres cos que contou o Correlingua, o poeta Manuel María, que será homenaxeado o ano 2016.
Nunha das súas obras máis senlleiras, Os soños na Gaiola, Manuel María escribía:
Galicia somos nós:
A xente e máis a fala
¡Si buscas a Galicia
En ti tes que atopala!
Cando o poeta da Terra Chá escribía versos coma estes, facíao para “contar dun xeito elemental, sinxelo e esquemático o que é Galicia, o que foi Galicia.” E engadía dirixíndose aos máis novos e novas “E alcender en vós –que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro.”
Ese é o espírito desta actividade e con ese mesmo devezo comezamos un ano máis. Propoñemos este lema porque tamén nós estamos convencidos e convencidas de que o futuro para o noso idioma está en nós e só cómpre descubrírmolo, atopar esta lingua que nos singulariza e identifica, como atopamos no espello a pegada xenética das nosas nais e avoas, dos pais e dos avós.
A organización do Correlingua, AS-PG, CIG-Ensino e Mesa pola Normalización Lingüística decidimos, ao iniciar este século, que cumpría impulsar unha actividade de normalización en que o alumnado como protagonista puidese ser suxeito activo da demanda do dereito a vivir en galego. Por iso puxemos na rúa esta actividade escolar en que aquelas e aqueles que un día serán os depositarios da lingua poidan gozar dunha festa do idioma en que eles constrúan o discurso que a sustente, o manifesto, e chamen a atención da xente ao pasaren coas súas cancións e lemas.
Consideramos que esta actividade é un impulso máis para o noso idioma e por iso agradecemos o apoio recibido de distintas instuciónse que xa se comprometeron co Correlingua, ao tempo que seguimos a ampliar a lista de entidades colaboradoras.
Todas estas entidades atenderon a nosa iniciativa, sabedoras de que a implicación con esta actividade escolar é fundamental no proceso de normalización da nosa lingua, pois é unha actividade que busca o protagonismo da mocidade mediante a elaboración de manifestos, bandas deseñadas, vídeos… e na que saen á rúa para trasladar a mensaxe do seu dereito a vivir en galego ao conxunto da sociedade.
Convidámosvos un ano máis a participar no Correlingua e agradecémosvos, por anticipado, o voso compromiso con esta actividade en tempos que seguen a ser delicados para o noso idioma, cando a propia administración responsábel da promoción do galego redúcelle espazos progresivamente. Só facendo efectivo e visíbel o noso compromiso coa lingua, poderemos avanzar na ampliación do seu uso e garantir o dereito á lingua propia das xeracións futuras.
Viva o Correlingua!