Dossier de prensa Correlingua 2025. Descarga aquí.
Pontevedra, 12 de febreiro de 2025. O Correlingua volverá encher as rúas galegas o vindeiro mes de maio con carreiras, festas e outras actividades que reclaman, un ano máis, unha celebración para a nosa lingua. Todas estas actividades foron presentadas no Concello de Pontevedra coa participación de Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, Celia Armas García, coordinadora comarcal do Correlingua da Coruña e Marta Ferreiro, en representación da AS-PG. Entre as entidades colaboradoras figuran as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra, e os concellos de A Coruña, Lugo, Santiago, Pontevedra, Vigo e Ferrol, Academia Nós Oposicións, Eroski e Fundación Xistral.
Na presentación da nova edición de Correlingua, o presidente da asociación organizadora, Anxo Terán, sinalou que “contra vento e marea cumplimos 25 anos coa axuda dos centros de ensino e o alumnado’’. Explicou tamén a escolla do lema A mocidade activa por unha lingua viva, moi acaída porque a mocidade é quen ‘‘vai apostar polo noso idioma’’. Resaltou que, na práctica, o ‘‘Correlingua é unha das poucas actividades normalizadoras da lingua en Galiza’’.
Para Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, ‘‘Nestes 25 anos de existencia, con participación moi notable de centros docentes, a Xunta de Galicia nunca patrocinou, nin subvencionou, nin colaborou na principal actividade de dinamización da lingua que se fai en Galiza’’. Bermello reivindicou o papel dos docentes e escolares no traballo de recuperación da lingua, ‘‘sen alumnado e profesorado que participe non é posible o Correlingua’’. O secretario da CIG-Ensino sinalou que Correlingua recibe apoio institucional doutras administracións ‘‘por iso se presenta cada ano nun concello colaborador, que nunca coincide cos gobernos do PP’’. Insistiu en que o Correlingua é unha das máis grandes demostracións da normalización lingüística, apoiada por docentes que traballan durante todo o ano.
Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística e coordinadora comarcal do Correlingua da Coruña, valorou os 25 anos de existencia e fixo un repaso das actividades que se desenvolverán ao longo deste ano 2025. Este ano, Correlingua visitará 11 cidades, ‘‘sempre arredor do mes das letras’’. Reivindicou que ‘‘cómpre máis que nunca facer visible o compromiso educativo coa lingua’’, pero o aniversario desta iniciativa fai ‘‘que teñamos esperanzas no futuro da nosa lingua’’.
O concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira, reafirmou o apoio do seu concello á celebración do Correlingua e aos profesionais docentes, especialmente nestas circunstancias, para ‘‘convertir o ensino nun lugar para o cambio’’, subliñando que é ‘‘imprescindible cambiar o rumbo da lingua galega, a mocidade ten que sentir necesario usar a lingua propia do país’’.