Máis de 15.000 nenas e nenos participarán nas festas e actividades do Correlingua 2022

Máis de 15.000 nenas e nenos participarán nas festas e actividades do Correlingua 2022

Lugo, 25 de abril de 2022. Correlingua volverá ser en 2022 unha das grandes actividades arredor da lingua nos centros educativos galegos. Máis de quince mil nenas e nenos participarán entre este próximo maio e o vindeiro outono nas festas e actividades que dinamizan  o uso da lingua en distintos centros educativos galegos. levando ata eles concertos, obradoiros, regueifas e outras actividades arredor da lingua. Esta edición de 2022 foi presentada na Deputación de Lugo e comezará a súa actividade nos colexios nos primeiros días de maio.

Como explicou na presentación Xesús Bermello, presidente da AC Correlingua, “aínda que xa estamos quitando as mascarillas e recuperando a normalidade, non foi posible este ano recuperar as carreiras e seguimos na liña dos anos anteriores, coas festas e as actividades nos centros”. Bermello apuntou que se está rexistrando unha grande participación por parte dos colexios e salientou o calendario en dúas quendas que, na práctica, extenderá o Correlingua por case todo o curso.

Para a vicepresidenta da Deputación de Lugo, “O Correlingua demostra a vitalidade arredor da lingua no mundo do ensino e desde a Deputación cremos que estamos na obriga de colaborar con estas propostas, especialmente cando vemos que a institución que debería facelo, a Xunta de Galicia, se desentende por completo de participar”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou o que un evento como Correlingua significa. “Demostra que hai moito activismo no ensino galego arredor da lingua, que hai unha grande motivación coa lingua e coa súa promoción”. Maceira sinalou que esta actividade “non pode ser ignorada todos os anos pola institución que xustamente ten as competencias educativas, como fai a Xunta de Galicia ao non apoiar ao Correlingua”.

Ana Vigo, da AS-PG, adiantou na presentación en Lugo as actividades que percorrerán os centros educativos galegos baixo o lema Fálame!, que este ano protagoniza o evento. Vigo apuntou as dúas quendas de actividades deste ano: unhas que comezará nos primeiros días de maio e que percorrerá as provincias de A Coruña e Pontevedra, e unha segunda quenda en outono que viaxará a centros das provincias de Ourense e Lugo. Correlingua está recuperando o seu formato plenamente presencial, pero algunhas das súas festas serán, como en anos anteriores, emitidas port You Tube. O Correlingua 2022 finalizará o 26 de outubro cunha festa que terá lugar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.

As actividades principais serán os concertos que compartirán espazo con obradoiros, regueifas e outras actividades nos colexios, pero que tamén se celebrarán en teatros, auditorios e en algúns espazos ao aire libre.

O cartel das distintas festas estará encabezado polo grupo gañador do concurso Cantalingua celebrado semanas atrás e do que resultou gañador o grupo Mekánik Rolling Band. Tamén participarán nos concertos das festas os dous finalistas desta mesma convocatoria, Paco Nogueiras e Pauliña.