Co lema “Galego. Todo o que buscas” arrinca o 5 de maio en Ourense a XIII edición do Correllingua

Co lema “Galego. Todo o que buscas” arrinca o 5 de maio en Ourense a XIII edición do Correllingua

O IES Rosalía de Castro acolleu  a entrega de premios do Certame de Banda Deseñada, Vídeo e Manifesto ao alumnado gañador

As carreiras pola lingua percorrerán once comarcas galegas coa participación de centros de ensino de toda Galiza.


Representantes das entidades organizadoras do Correlingua 2012 presentaron en Santiago a decimoterceira edición desta carreira que arrincará o vindeiro 2 de maio na cidade de Ourense e que percorrerá once comarcas baixo o lema “Galego. Todo o que buscas”.

Representantes das entidades organizadoras do Correlingua 2012 presentaron esta mañá en Santiago a decimo terceira edición desta carreira que arrincará o vindeiro 2 de maio na cidade de Ourense e que percorrerá once comarcas baixo o lema “Galego. Todo o que buscas”.  No acto entregáronse tamén os premios do Certame de vídeo, Banda Deseñada e do Manifesto ao alumnado dos colexios e institutos participantes. Os centros premiados son CPI Pontecesures (4º da ESO) polo Manifesto, e finalista CPI Ponte Carreira de Frades, en Banda Deseñada o CEE O Pino de Ourense e o CEIP A Laxe de Marín (3-5 anos) e en Vídeo o IES Mosteirón de Sada

Marta Dacosta, coordinadora do Correlingua, agradeceu a participación do profesorado, do alumnado e o apoio tamén dos pais e nais e explicou que estas actividades previas á celebración do Correlíngua queren ser unha reflexión sobre a situación do idioma e as actividades que se poden pór en marcha para estender o seu uso. Marta Dacosta referiuse á calidade dos traballos presentados e destacou que a mocidade é quen de “pór o acento nas cuestións máis candentes, desta volta, por exemplo, a desaparición de cabeceiras de medios de comunicación en galego”.

 

 

Fotografía conxunta do alumnado gañador dos diferentes certames do Correlingua 2012

No acto , Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino  referiuse ao profesorado como a vangarda na loita pola normalización lingüística. “Sen vós sería imposible que o idioma teña a presenza que hoxe ten no ensino”. Que o galego é a lingua que nos une e que en galego podemos facer todo o que queiramos son, en palabras de Carlos Callón, presidente da Mesa po Normalización Lingüística tamén presente no acto, as dúas ideas centrais do Correlingua e da manifestación que se celebrará o vindeiro día 17 polas rúas de Compostela.

Por outra banda, a Tenente Alcaldesa de Ourense, Isabel Pérez González, referiuse á importancia de que as administracións se impliquen de maneira decidida nesta iniciativa e lamentou a decisión do Concello de Santiago que por vez primeira deixa de apoiar o Correlíngua. No mesmo sentido manifestouse tamén Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística no Concello de Pontevedra, que se referiu ao compromiso desta institución con aquelas actividades en defensa da lingua “un compromiso que se fai máis forte  agora que estamos asistindo a ataques continuos ao galego”.

O Correlingua vénse celebrando de xeito regular desde o 2000 aínda que é unha vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais. Na actualidade está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega – Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As carreiras pola lingua partirán de Ourense e percorrerán once comarcas galegas (Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo, Ribeira Sacra e A Mariña) coa participación de centros de ensino de toda Galiza. Cada unha das carreiras rematará cunha festa pola lingua que contará con actuacións teatrais e musicais por parte dos artistas convidados e do propio alumnado.