- Hora: A partir das 10:30h
- Día: venres, 9 de maio de 2025
- Lugar: Vigo
Programa do día:
Castrelos: alumnado de infantil e primeiros cursos de primaria.
• 11:00h Presentación a cargo de Fran Rei
• 11:10h Paco Nogueiras
• 11:45h Fin do espectáculo de infantil
Praza do Rei
Vigo, 5 de maio de 2025 – Correlingua alcanzará o vindeiro domingo 9 de maio un cuarto de século de existencia coa participación de 1.800 escolares de 20 centros docentes de Vigo e da súa área. “É un día de festa, reivindicativo e participativo”, asegurou este luns a concelleira de Educación, Olga Alonso, ao presentar con Anxo Terán, presidente da Asociación Cultural Correlingua, a nova edición que se celebrará baixo o lema “A mocidade activa, por unha lingua viva”. A Praza do Rei de Vigo será o punto de partida da marcha pola lingua que finalizará no Parque de Castrelos.
Anxo Terán salientou a participación de 25 grupos no concurso ‘Cantalingua’ desta edición. Na súa intervención, Olga Alonso, invitou a todas as persoas interesadas a unirse e participar na camiñada polo centro da cidade.
A xornada comeza ás 10:30 coa chegada dos centros educativos á Praza do Rei, desde onde parte a marcha ata Castrelos ás 11:00, percorrendo as principais rúas da cidade. Unha vez no parque, as actuacións correrán a cargo dos artitas finalistas no Cantalingua deste ano, como Pauliña, quen ofrece un concerto no que mestura blues, reggae, rock.
Tras a presentación do humorista Fran Rei, actuará tamén Paco Nogueiras, cun espectáculo cheo de música e diversión.
Farase unha lectura do Manifesto do Correlingua 2025, elaborado nos obradoiros “Desata a lingua” por estudantes de distintos centros. Nel, a mocidade manifesta o seu compromiso coa lingua e cultura galegas, reivindicando o seu uso como ferramenta de identidade, creación e liberdade.
A organización lembra ás persoas asistentes a importancia de traer roupa cómoda, gorra, auga e algo para merendar. A participación tamén se anima con cartaces e pancartas feitas polo propio alumnado, convertendo esta cita nunha verdadeira festa da lingua galega.