20 Mar Grupo de 4º da ESO do C.P.I de Xanceda (Mesía)
Nós, os rapaces e rapazas, que temos nas nosas mans o futuro desta lingua, manifestamos o compromiso de a usar.
Queremos proclamar a nosa cultura, da terra e da xente, e para iso necesitamos da nosa fala. Precisamos que a xente se sinta orgullosa de ser galega e que o demostre falando galego, como facemos nós.
Consideramos absolutamente necesaria a literatura, música, danza, gastronomía… en galego, mais para iso precisamos tamén da fala.
Desaprobamos a xente que sente vergoña de falar galego, de igual xeito desaprobamos a aqueles que, hai anos, o censuraron. Pero agora xa non hai censura, e polo tanto non ten que haber máis vergoña, nin sentimento de culpa.
Debemos conseguir que o noso idioma galego se utilice en todos os ámbitos das nosas vidas.
Queremos que todos os galegos se unan a nós. Así seremos capaces de seguir o noso camiño cara a unha sociedade máis igual entre quen fala galego e quen non. Queremos que os falantes en lingua galega sexan cada vez máis. Unha sociedade na que o noso idioma se respecte en toda a face da Terra, sen pretender que todo o planeta fale galego, se non que o respecte coma unha lingua máis e se poida usar sempre.
Con este manifesto lanzamos unha clara mensaxe: Nós, os rapaces e rapazas, o futuro de Galiza, pretendemos conservar a nosa fala por riba de todo e ímolo conseguir por moitas trabas que nos poñan no camiño, e este é o noso resumo, o cal debe ser berrado ós catro ventos e en toda a nosa terra:
¡GALIZA, ÉRGUETE E VOLVESER QUEN ERAS!
Manifesto escrito por nós, o futuro