4º ESO. CPI de Pontecesures

4º ESO. CPI de Pontecesures

Buscamos, buscamos, buscamos cousas que nos traian a felicidade: coches, pisos, prazas de garaxe, negocios… enchen os anuncios por palabras dos xornais.

Pero nós buscamos persoas que estean orgullosas do idioma da súa terra, que non teñan medo a falalo. Buscamos que as fronteiras de Galiza as poña o galego. Preferimos unha persoa do Bierzo que fale o idioma a unha de aquí que non o fale. Non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela. Deixade de presumir de algo que nin vós respectades. Todos vós, os que subides fotos reivindicativas ao tuenti, nin vos decatastes cando pechou Galicia Hoxe. Ser galego non é ler La Voz de Galicia nin ver a TVG. Ser galego significa que buscaches e atopaches a túa identidade. Galiza non é representada por unha catedral, unha muralla ou torre. A Galiza represéntaa un idioma co que escribiron ensaios, poemas, artigos e ata incluso anuncios por palabras. Desexamos abrir un día o xornal e atopar anuncios coma estes:

SERVIZOS

A mellor vidente de tarot de Galiza.Máis de doce séculos de experiencia. Especialista en: fonética, morfoloxía e léxico. Visítanos en R/ Percebe, nº 24.

COMPARTO PISO

Búscase univeritari@ que se queira aloxar nun piso de galego-falantes. Aviso: somos de moitas partes de Galiza e falamos diariamente galego.

FINANZAS

Arréndase idioma. Prezo razoable e negociable, usable en todas as formas e ámbitos. Con garantía ilimitada.

Precisas un idioma? Nós temos o que buscas. Está en boas condicións, sinxelo de adquirir e comprender en toda a nación. Resposta en 24 horas.

OCIO

Divírtete  co galego provocador do manifesto “Máis Alá”. Mergúllate nun mar de gozo.

SEGUNDA MAN

Véndese equipo de música Vacaloura, perfecto para escoitar Heredeiros da Crus, moi ben coidado. Prezo razoable dependendo do galego que saibas falar.

DETECTIVES

Perdinme. Búscame. Chámome galego. Encóntrame, fálame e gózame.

POLO TANTO,

Entra en Jujel, vaite a PISOS VENDA, merca Galiza.

Vaite a PISOS ALUGUER, aluga Galiza.

Vaite a NEGOCIOS, negocia Galiza.

Vaite a MOTOR, compra un Galicoche.

Vaite a OCIO, goza Galiza.

Vaite a NÁUTICA, padexa Galiza.

Vaite a Galiza, adora galego

Adórate, adóranos.

Se feliz: GALEGO,  TODO O QUE BUSCAS

 

OS MUXES RADIOACTIVOS