Busco amante galegofalante

Busco amante galegofalante

Sacha na Horta nace no 2007. Neste nacemento moito tivo que ver o licor café, a viaxe a Barcelona e os concertos da Per Loca, a Casa do Sol, onde vivían as tres cantantes e o guitarrista, máis licor café, e conversas interminables polas noites de Compostela.

Pero, sobre todo, a semente da que agromou Sacha foi o Apologhit.

No ano 2007, o Apologhit buscaba a canción do verán en galego. Nós presentámonos… e gañamos co noso primeiro tema “Biocultivos”.

Houbo que xuntar á banda e facer un repertorio para ir tocar a Cuba e traballamos arreo para facer algo xeitoso. E alí no Festíbulo botamos a andar a primeira formación de Sacha na Horta: Mané, Laina e Andrea (voces), Manuel Paino (trompeta), Martiño (saxo), Alex (teclado), Brais (guitarra), Miguel (baixo) e Gustavo (batería).

De toda esa enerxía, esas ganas, naceron un feixe de temas. Temas que falan das nosas inquedanzas, alegrías, raibas e soños, sempre cun toque de retranca e unha crítica inconformista.

Pero o primeiro concerto quixemos facelo na casa : a estrea foi o 4 de decembro do 2008 na Gentalha do Pichel, en Compostela.

Dende entón fóronse sucedendo os concertos (Pé na Estrada, Roi Xordo, Repercusión…) e a gravación do primeiro disco : Temos moito por sachar.

Inclúe 6 pistas e foi gravado entre Ribeira, Padrón e Poio polo Dr. Chou. Está colgado na páxina da Regueifa Plataforma (www.aregueifa.net) para libre descarga.
Cousas da vida, xente que vai, xente que ven, Laina, Mané e Andre, as nosas tres queridas cantantes colleron rumbos lonxanos, outras latitudes, e Sacha tivo que buscar novas sachadoras que levasen con forza o sacho, mulleres bravas deste país… e, como non!, atopámolas!

A finais do 2009 incorpóranse a Sacha na Horta Alenya, Iseo e María, con moitas ganas e enerxía. E seguen os concertos, cada vez con máis mensaxe, con máis humor, con vestiario… e novas cancións incendiarias e retranqueiras, como “Busco Amante” ou “Galiza Chamiza”. No 2011, finalmente, volta Mané á banda para completar o cuarteto vocal de sachadoras actual.
Neste 2012 marchounos outro membro, Miguel (baixo), a conquistar as orellas colombianas. E no seu lugar demos co actual baixista, Hadri, sangue nova para a horta!, ben disposto para facer callo con nós.