07 Xuñ Sairá o sol
BROA é a nova fornada musical saída das
quenturas das chemineas fumeantes de
Cerceda, paraíso do Rock do país. Músicos de
Machina, Morgen, Ruxe Ruxe ou Presencia
Zero compoñen este power-trío.
A broa é de textura áspera con engurras
que mal tocadas poden magoar mais no
seu interior é doce e tenra. De igual xeito, o
primeiro disco de Broa, “Cucú” é un produto
á vez doce e salgado; tenro e salvaxe mais
sobre todo auténtico que non te deixará
indiferente.
“Cucú” da título ao primeiro traballo
discográfico de BROA, enfornado a lume
moi lento durante os últimos 4 anos.
11 cortes, gravados en Cimática Studio,
nos que os de Cerceda despregan unha
interesante mestura do grávido do Stoner
ou do New-Metal co vertixinoso do Punk e o
Hardcore onde as melodías pop atopan
refuxio. Músicos como Jasper de NAO e
MoudaFaka de AltoAsalto colaboran e
apadriñan este disco en sendas pezas.
Na actualidade a banda vén de ser
galardoada nos Premios Martín Códax na
categoría Metal.
Na época máis convulsa que lembra a nosa
sociedade César, Gonzalo e Mahi (BROA)
deciden lanzar ao mundo o seu primeiro
traballo discográfico “Cucú”. Ao igual que o
cuco, que a cada hora asoma a cachola no
reloxo, a banda de Cerceda estrica o pescozo
e saca á superficie a súa estrea discográfica
nun mercado rico mais saturado e nun
momento de total incerteza.
Así, en pleno outono do 2020 publicase
na súa totalidade “Cucú” en todas as
plataformas dixitais.