Raza

As Lembranzas

Raza

As Lembranzas son unha banda galega que dende os seus comezos traballou para difundir a cultura e a música tradicional de Galicia adaptándose ós novos tempos e estilos. O seu compromiso coa innovación e preservación cultural convírteas en referentes no panorama musical galego.

Cunha sólida formación en canto lírico, piano e percusión tradicional, combinan polifonía vocal, ritmos actuais e percusións da tradición galega para crear un son que honra ás raíces sen renunciar á innovación. A súa música xorde do imaxinario colectivo e da memoria popular, canalizada a través de harmonías expresivas e texturas sonoras frescas que conectan coas novas xeracións.

Desde o seu inicio, As Lembranzas construíron unha identidade propia no eido da fusión folk. En 2019 lanzaron o seu primeiro traballo, Gaëla, gravado entre Galicia e Bélxica, e desde entón non deixaron de ampliar o seu repertorio con singles como “Bolboreta” (2023) e “Muiñeira do Toxo.”

O colectivo tamén se fixo notar pola súa capacidade de mesturar tradición e contemporaneidade en colaboración con outros artistas, destacando o tema «Jerga Gallega» no que, xunto co rapeiro galego Habló Pablo, combinan a súa voz coa escena urbana e que acadou gran repercusión en redes. Lanzaron a comezos de febreiro “A miña Burriña”  outra peza da memoria colectiva en colaboración con Habló Pablo na que renovan a intencionalidade da mesma vendoa dende un prisma diferente. Estes dous últimos temas foron grabados en Estudios Mans coa producción de Juan de Dios Martin.

Tras unha primeira etapa centrada na fusión folk, o proxecto inicia agora unha nova fase creativa. Ás voces de Merchi e Vane incorpórase a de Sabela, que substitúe a Paula na formación, abrindo un novo camiño estético e sonoro.

Nesta nova etapa, As Lembranzas apostan por fusionar a tradición galega co rock, o ska e o reggae, sen renunciar á súa identidade vocal nin á raíz popular que define o proxecto. As tres voces líricas continúan a ser o eixo central da proposta, traballadas desde a polifonía e o diálogo harmónico, mentres que o violín pasa a ocupar un lugar clave como instrumento vertebrador do son, conectando o universo tradicional cunha linguaxe diferente.

Con esta nova formación, As Lembranzas consolidan un proxecto que mantén as raíces, amplía os límites e busca novos públicos, levando a tradición galega a espazos sonoros onde conviven a forza do directo, a enerxía que as caracteriza e a expresividade vocal. Acaban de lanzar da man de Xonix records o seu último tema “Raza” que promete facer moito ruido.