Ogallá que estiveras aquí

Ogallá que estiveras aquí

A creatividade musical das Rías Baixas e da Limia conflúen neste proxecto de FACTORÍA DE SUBSISTENCIA. Dúas persoas coas súas propias e respectivas inquedanzas artísticas. Por unha banda Sabela Dacal, ligada ao mundo das artes escénicas, sendo acordeonista-pianista de distintos grupos musicais ( Xestreu, Emilio Rúa,…) e, pola outra banda, Josito Porto, tamén ligado a ese enganoso mundo das artes escénicas e musicais (din as malas línguas que formou parte de Korosi Dansas e Magritte entre outro proxectos de dubidosa calidade).

Somos FACTORÍA DE SUBSISTENCIA porque se trata precisamente diso, de crear, de inventar, de darlle forma ás ideas que xorden no noso interior ou ao noso redor, ás circunstancias que sobrevoan contínuamente aos nosos seres, aos comportamentos que tentan darnos leccións continuas de enfrontamento ante a vida.

Por suposto, sen ningún tipo de prepotencia, desde a claridade, ás veces tamén desde esa parte máis escura que todos temos. Ese universo do que falamos, aparece plasmado en dous traballos discográficos, CERCA DA TÚA ORELLA e AMORES FRATRICIDAS. E xa existe un terceiro proxecto en camiño.

Comezamos sendo dous, JOSITO PORTO e SABELA DACAL, pero agora, en FACTORÍA DE SUBSISTENCIA,  gozamos co reforzo e a consistencia aportada por RAFA OTERO (baixo eléctrico) e ADRIÁN RÍOS (batería). Mañá poderiamos ser LEXIÓN…POR QUE NON SOÑAR?”