Non quero ser feliz

Non quero ser feliz

A creatividade musical das Rías Baixas e da Limia conflúen neste proxecto de FACTORÍA  DE SUBSISTENCIA. Dúas persoas coas súas propias e respectivas inquedanzas artísticas.  Por unha parte, Sabela Dacal (Xestreu, Emilio Rúa) e, pola outra, Josito Porto (Korosi  Dansas, Magritte). 

A complicidade entre os sons da guitarra de Josito e do acordeón de Sabela marcan un  estilo aparentemente sinxelo, sen moitas complicacións, descarnado coma o sorriso  nervioso de quen quere aparentar unha falsa tranquilidade dende o fondo do seu pozo.  Influencias? Moitísimas e ben variadas, tan variadas como a música que escoitamos ao  longo das nosas vidas e que, sen decatarnos, foron deixando a súa inocente pegada nas  nosas sombras. Poden aparecer pequenas pinceladas que nos fagan lembrar a Javier  Krahe, SurfinBichos, Nacho Vegas, The Cure, Leonard Cohen, Albert Pla, evocacións  folklóricas… ou non, ao mellor simplemente quixemos que fose así…ou non. 

Somos FACTORÍA DE SUBSISTENCIA porque se trata precisamente diso, de crear, de  inventar, de darlle forma ás ideas que xorden no noso interior ou ao noso redor, ás  circunstancias que sobrevoan continuamente aos nosos seres. 

Comezamos sendo dous, Josito Porto e Sabela Dacal, pero agora gozamos co reforzo e a  consistencia aportada por Rafa Otero (baixo eléctrico) e Adrián Ríos (batería). Mañá  poderiamos ser lexión… por que non soñar?