MJ Pérez

MJ Pérez

MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 150 concertos por toda Galicia e tamén Portugal. Suma xa catro álbums: un autoeditado e outros tres auto-producidos. Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia.

Un ano antes, no 2013, MJ participa nun obradoiro de poesía impartido por Yolanda Castaño que marca un punto de inflexión no seu camiño. É neste momento cando a autora comeza a compoñer dun xeito máis activo e únicamene en galego. Alén disto, alí coñece a figuras como Mercedes Leobalde, Luisa Abad ou Lidia Bao… coas que colaborará tempo despois.

MJ desenvolve así a súa faceta musical á par que a súa formación académica, graduouse en Comunicación Audiovisual (UDC) e fixo o Mestrado de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA). É por isto, que entre outras cousas, a artista é moi activa no eido da comunicación e do audiovisual. Produce os seus propios videoclips, dos que varios foron seleccionados en diferentes festivais de cine galecos como o Festival de Cans, o OUFF de Ourense ou o Curtas Armadiña.

Participa tamén en diferentes proxectos: compón a música para a peza audiovisual “Ao Vento” (da que é coautora), colabora no documental “Vieiros de Esperanza” centrado en Carvalho Calero. Intervén tamén noutras pezas audiovisuais desempeñando a produción e outras labores.

MJ inicia o seu percorrido con “Ollos que non ven, síntoma de cegueira”, un álbum auto-editado de 10 temas que a artista compartía a través da rede, na plataforma Bandcamp, a medida que gravaba. Deste xeito, foi un proxecto que se prolongou no tempo. Da man deste traballo chegaron as primeiras actuacións en diversos recitais de forma puntual.

MJ inicia o 2020 presentando o seu cuarto álbum “A Luz Prendida”, un disco de 15 temas (o máis longo da autora ata o momento) que marca un claro cambio de rumbo na música da cantautora arzuá, mantendo a esencia, mais cunha clara presenza de ritmos latinos e música de raíz. Este álbum foi gravado case íntegramente en Drum & Roll Studios (Coruña), con Iago Blanco aos mandos. Nel colaboraron grandes músicas como Ailén Kendelman, Laura Romero, Richi Casás, María Prado, Paula López, Iván Bernárdez, Alberto Rama, Sofía Espiñeira, Lucía López, Antonio Facal, Amanda Pinos e Iago González.