15 Xuñ Martín Maez
Martín Maez é actor e cantante redondelán. En outubro de 2020 lanzou o seu último traballo “Hábitat”, un disco pop integramente en galego, onde se atopa o tema que presenta nesta edición do correlingua “Déixaos falar”. Este é un tema musical composto en letra e música polo propio Martín. É un himno á diversidade e a liberdade que temos as persoas para amar a quen queiramos, independentemente do seu xénero. Nace a partir dos murmurios da xente que fala sobre o que descoñece ou o que non están acostumados a ver, facendo que os observados se sintan incómodos por facer algo tan natural como é amar. Comparte un mensaxe optimista: da igual o que digan de nós porque o único malo que estamos a facer é amar. A canción foi gravado cunha mestura de instrumentos acústicos e pequenos toques de electrónica seguindo os parámetros do pop clásico. O tema vai crecendo en intensidade a medida que avanza ata rematar nun estalido final, como se un berro de rabia se tratase. Aínda que a composición da música e da letra corresponden ao propio Martín Maez, colabora na produción o músico coruñés Celso F. Madriñán. A canción foi gravada no estudo “The magical mystery room” na Coruña e contouse coa colaboración de músicos profesionais como Jorge San Julián (Nos teclados e programacións), Jose Manuel Martínez (á Batería) e o propio Celso Madriñán nas guitarras, baixo e Ebow. Todo o tema foi mesturado por Jose Manuel Martinez e Celso F. Madriñán nos Studios Bonham. Con esta canción quérese axudar a dar visibilidade e a manifestar a igualdade das persoas sen ter en conta o seu xénero.