20 Mar Hordas do leste
ARDORA somos unha banda con influencias do rock and roll mais o heavy metal, incluindo algunha que outra reminiscencia ó metal mais extremo, posto que sempre estamos abertos á innovación e a mestura de diferentes vertentes do metal, caracterizándonos pola plasticidade derivada da ampla variedade de gustos musicais que compartimos os seus compoñentes.
As nosas cancións tratan temas moi diversos nos que predomina a crítica social, a ecoloxía e a defensa do medio ambiente, o feminismo, a desigualdade social, a liberdade individual, antibelicismo, rexeitamento de totalitarismos, de fanatismos, de extremismos, de sectarismos etc, e por suposto o amor ó mar, a nosa terra, a nosa idiosincrasia característica como pobo. Todo isto tratado sempre dende o respeto e a tolerancia con algunha que outra nota de humor e parodia e por suposto en lingua galega.
Os nosos directos, son divertidos e informais, procurando a participación do público en todo momento, animándoo a corear os temas sen perder un ápice de son compacto, equilibrado e impactante. A nosa proposta musical está cargada de forza, entusiasmo e moita enerxía.
O noso son, componse de guitarras épicas, veloces e desgarradoras por uns momentos, melódicas e rítmicas por outros momentos, no que a potencia do bombo con algún que outro ritmo inspirado na música de raíz, mais a elegancia do baixo, acompañan en armonía ás nosas cancións complementándose enriquecedoramente coa potencia e a melodía da voz principal, e dos moitos coros e retrouxos directos e pegañentos que conteñen as nosas cancións.
ARDORA somos:
Anxo: Guitarra e voces Martín: Baixo e voces Pedro: Baterías e voces Soto: Voz principal
As canción que enviamos trata do seguinte:
Hordas do leste: Esta canción grabámola en colaboración co colectivo Arte Lixo de Redondela que é unha asociación ecoloxista que promove a defensa do medio ambiente. No ano 2020 editaron un recopilatorio de cancións de diferentes bandas e autores que trataran temas relacionados coa defensa do medio ambiente. Nós decidimos facer unha canción sobre unha problemática desgraciadamente bastante grave como é a invasión da velutina, pero levamos o tema ó noso estilo empregando unha linguaxe de dobre sentido e moi épica, tirando dun estilo heavy metal clásico e únicamente revelando sobre qué trata a canción realmente no retrouxo final cando remata o tema para así nunha escoita inicial xogar un pouco coa sorpresa. (https://artelixo.bandcamp.com/album/artelixo) (somos a canción nº 15)