16 Mar Canción de amor express
Minguante é un dúo de pop e canción de autor formado por Óscar Martínez (Voz, guitarra e caixón) e Miguel Alonso (voz, guitarra e harmónica). Nace en 2018 para realizar un par de concertos acústicos… e levan xa máis de 150 actuacións por toda Galiza.
Nesta banda, cada un deles se reparte a composición das cancións e a voz principal. Así, atopamos cancións máis próximas ao indie, principal influencia de Óscar, ou ao pop de autor, teima habitual de Miguel.
Ata o de agora, todos os seus temas son autoproducidos nos seus estudios caseiros, encargándose eles da gravación de todos os instrumentos. En plena pandemia de 2020 publicaron o seu primeiro EP, “Minguante”, con catro cancións que foron espallando pola rede; e, en maio de 2022, publicaron o seu primeiro disco, baixo o título de “A incrible historia dos homes minguantes”.
En maio de 2026 publicarán o seu novo disco, “Pequenos incendios”, do que xa adiantaron dúas cancións.
Tamén teñen un proxecto chamado “Minguante canta poesía galega”, no que inclúen poesía musicada dos seus proxectos en solitario, algúns temas novos e versións de clásicos da música galega (Aí vén o maio, Volvín á terra pero perdín o amor…).