Banda AldaoLado

Banda AldaoLado

A esencia é a mesma: a poesía como protagonista dunha velada na que, desta vez, adquire unha nova dimensión que aportan Macarena Montesinos ao baixo, Violeta Mosquera á batería e Mig Seoane á guitarra.
Van xa máis de quince anos nos que María Lado e Lucía Aldao comparten o proxecto Aldaolado como dúo referente da poesía escénica do país, cun formato todo terreo quen de crear complicidade cos públicos máis diversos, coa intimidade e inmediatez coa que xoga a súa posta en escena.
A nova proposta, máis armada e impoñente, outorga outra importancia aos momentos musicais, que foron gañando un lugar central compartido coa poesía nos últimos anos, e que culminaron o pasado mes de setembro coa publicación do álbum CASA!, producido por Mig Seoane. CASA! é o primeiro traballo sonoro gravado de Aldaolado, dispoñible en todas as plataformas, despois de teren asinado como dúo o libro Ninguén morreu de ler poesía (Xerais, 2020).
Tras toda unha traxectoria bebendo da oralidade e do directo máis acolledor, chega un agardado Aldaolado con banda, unha proposta máis expansiva para vestir as creacións das dúas poetas con novas texturas e acompañamentos sen ter que renunciar á proximidade de sempre.
Nesta viaxe tamén se embarcou a artista Greta Debelius, que deseñou o cartel para a estrea na Coruña da Banda Aldaolado.