O alumnado de 4º da ESO do IES de Carral, baixo o alcume Os Toxos, gaña o concurso de manifesto 2019

O alumnado de 4º da ESO do IES de Carral, baixo o alcume Os Toxos, gaña o concurso de manifesto 2019

“TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA” é o título do manifesto co que as mozas e mozos de 4º da ESO do IES de Carral gañaron o concurso de manifesto do Correlingua 2019.

As rapazas e rapaces de 4º da ESO do IES de Carral gañaron o concurso de elaboración do manifesto para o Correlingua 2019 cun texto que integra os elementos da táboa periódica coas reivindicacións en favor do uso do noso idioma por todas as persoas e en todos os contextos. O xurado escolleu como gañador este texto ao considerar que desenvolve tanto na forma coma no contido a esencia do lema do Correlingua 2019, o galego é a fórmula, referido á necesidade de que o galego teña presenza en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico.

As autoras e autores do manifesto gozarán como premio dunha estadía de dous días no albergue de Alvarella Ecoturismo, en Doroña (A Coruña) con varias actividades, entre elas un roteiro polas fragas do Eume e tamén unha visita ao Museo Etnolóxico da Capela. Este premio será compartido co grupo que gañe o concurso de vídeo do Correlingua, na categoría de ESO e bacharelato, que se coñecerá despois do 15 de marzo, data límite para entregar as propostas.

Moitos parabéns ás mozas e mozos de 4º do IES de Carral e moitas grazas a todo o alumnado e profesorado que participou no noso concurso do manifesto 2019. Chegáronnos propostas moi inspiradoras que publicaremos proximamente na nosa web www.correlingua.gal . Agardámosvos o ano que vén!

A continuación reproducimos o manifesto que se enviará a todos os centros do país co cartaz da edición e co que comezarán todas as festas finais do Correlingua 2019:

“TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA”

 

Hai 150 anos o ruso Mendeleiev presentou unha táboa periódica que se converteu no corazón da Química. As galegas e os galegos somos os elementos da nosa táboa periódica, a nosa lingua. Os símbolos químicos e o noso idioma xuntos:

Reacción Química – Reacción Lingüística:

 

Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:

*O GALEGO É A FÓRMULA*! – *A FÓRMULA É O GALEGO*!

Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:

*O GALEGO É A FÓRMULA*! *NÓS SOMOS O ELEMENTO*

REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN…

 

ESTES SON OS SÍMBOLOS QUÍMICOS!

O GALEGO É O NOSO SÍMBOLO!

TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA!

 

AGora é o momento!

ALimenta a túa lingua!

ANtes falárona outros!

APostamos polo futuro!

AVanzamos…

Acollemos tamén aos de fóra AY, BW, JK, JU, K, WK, WO, WT, YZ

Bioloxía en galego, berra!

BuscA a súa alma

BaiLa coa lingua

Cántao

non a CAmbies por nada

CoNtáxiate do galego

COlabora con nós

CRea en galego

CaStelao, Rosalía, somos unha lingua viva

Coida o Teu legado

Cóidaa, Valóraa, quérea, úsaa.

Física en galego festexa

Fálaa, Escóllea

FLirtea con ela

o FogaR de Breogán

un FUturo en galego

GÁrdaa coma se fose ouro

aGaRimos con forma de palabras

paLAbras doces

podes LeVala contigo a calquera lugar

 

Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:

*O GALEGO É A FÓRMULA*! – *A FÓRMULA É O GALEGO*!

Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:

*O GALEGO É A FÓRMULA*! *NÓS SOMOS O ELEMENTO*

REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN…

 

ESTES SON OS SÍMBOLOS QUÍMICOS!

O GALEGO É O NOSO SÍMBOLO!

TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA!

 

MAiores e nenas falando en galego

non a MEnospreces

lingua MaGnética

Moitas Horas gozándoo

MáIs conciencia da situación

Música eN galego

Máis soRrisos

as MaTes en galego

Non Deixes que o degraden

que NinGuén che diga que non serve para nada

NOn o deixes de falar

NUnca esquezas de onde es

PouCo a PouCo reacción

PEnsa no futuro da lingua

non só do RUral

SaBemos como aproveitalo.

SoMos galegas

SeN perda de tempo

SorRí por iso

SínteTe orgulloso

Transmite o que pensas

TEcnoloxía en galego

ValoRa o que tes

en Zocos, en Zocas, en tenis ou con botas

 

Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:

*O GALEGO É A FÓRMULA*! – *A FÓRMULA É O GALEGO*!

Berrade connosco, berrade ben forte, que se vos escoite:

*O GALEGO É A FÓRMULA*! *NÓS SOMOS O ELEMENTO*

REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN, REACCIÓN…

 

ESTES SON OS SÍMBOLOS QUÍMICOS!

O GALEGO É O NOSO SÍMBOLO!

TEMOS QUÍMICA COA NOSA LINGUA!

Os Toxos (alumnado de 4º da ESO do IES de Carral)

Descarga aquí o manifesto 2019



Boletín de novidades

18

anos

200

centros

40000

rapazas e rapaces

2000

quilómetros