Editorial Correlingua 2015

Editorial Correlingua 2015

 Neste ano 2015 o Correlingua chega á súa décimo quinta edición. Pasaron xa quince anos, toda unha xeración de nenas e nenos que participaron nesta actividade poñéndolle palabras a través do manifesto, imaxes coa banda deseñada e os vídeos, mesmo música, decidindo que querían oír. Sempre en galego. Quince anos en que persoas do deporte e do mundo do espectáculo deron exemplo de que a nosa lingua é unha lingua de comunicación a todos os niveis, que é unha lingua para vivir. Deportistas, músicos, escritoras e escritores, actrices e actores, todos eles e elas demostraron a idoneidade e a vitalidade da lingua de noso. Quince anos en que as prazas e as rúas foron ocupadas por miles e miles de mozas e mozos, nenas e nenos que reclamaban o seu dereito a vivir en galego.

Mais neste 2015 as novas que nos trasladan os estudos sobre o censo de poboación pídennos que prestemos atención a un feito preocupante: a nosa lingua segue a perder falantes, especialmente entre os máis novos, que nun 75% revelan que non falan nunca, ou case nunca, en galego.

Hai moitos anos que vimos reclamando a normalización plena da nosa lingua, isto é, a súa normalización no ensino, mais tamén fóra do ensino, nos ámbitos do ocio, no comercio, na vida en xeral. As rapazas e os rapaces escoitan falar galego na familia, na escola, mais en canto saen destes ámbitos atopan que a presenza do español é maioritaria -cando entran nunha tenda, cando van ao cine, na publicidade, na televisión…-, acabando por converterse esta  na súa lingua de relación no patio do recreo e de aí, na súa lingua de relación entre iguais. Mentres, o galego fica gardado coma a roupa vella, sen saír á rúa, invisibilizado e esmorecendo pouco a pouco.

A isto tivemos que sumarlle a imposición do Decreto de Plurilingüismo que regula o uso do galego no ensino e que prohibe a impartición das matemáticas, física e química e tecnoloxía na nosa lingua e estabelece que esta queda reducida, no mellor dos casos, a un terzo do horario lectivo, minguando a presenza do noso idioma nun dos ámbitos necesarios para transmitir non só o seu coñecemento, senón tamén para plasmar a idoneidade do seu uso en todos os ámbitos. A suma das circunstancias dá como resultado unha redución do uso do galego, porque estas medidas van na dirección contraria ás recomendacións que desde a sociolingüística se realizan en materia de normalización, algunhas delas recollidas no Plan Xeral de 2004 que a día de hoxe non se está a ter en conta sendo como é unha ferramenta básica.

Neste contexto o Correlingua quere ser, un ano máis, unha iniciativa que provoque a reflexión sobre a nosa lingua e que ofreza exemplos da súa idoneidade e utilidade, deixando na memoria dos máis novos a lembranza destes días en que colectivamente toman conciencia da súa situación e poden gozar con ela na rúa, sexan ou non galegofalantes, ao tempo que envían unha mensaxe clara de que desexan un idioma vivo e con futuro. Porque a nosa riqueza é este tesouro exclusivamente noso, esta lingua que foi creada polos nosos avós e avoas e que nas nosas bocas segue viva. Unha lingua que nos coloca no centro do mundo ao sermos as e os herdeiros da grandeza das cantigas medievais e dos versos de Rosalía de Castro, que puideron crear unha obra senlleira por termos unha lingua propia que nos identifica. E niso quere incidir o lema do Correlingua para esta edición: Galego, a nosa creación común! Un lema inspirado nos versos de Manuel María, activo participante no Correlingua. Un lema que quere facer fincapé na nosa capacidade criadora como pobo, na nosa riqueza como posuidores dunha lingua propia, no feito incuestionábel de que a lingua nos une e que con ela estamos no mundo, somos visíbeis, somos nós.

Que comece o Correlingua 2015!