Co lema “O Galego, a chave do mundo” arrinca o 2 de maio o Correlingua 2013

Co lema “O Galego, a chave do mundo” arrinca o 2 de maio o Correlingua 2013

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu a entrega dos premios ao alumnado
gañador dos concursos de elaboración do manifesto, banda deseñada, e vídeo.

Este venres 26 de abril o Teatro Principal de Pontevedra acolleu a presentación dunha
nova edición do Correlingua, carreira pola lingua que percorrerá diferentes vilas e
cidades galegas baixo o lema GALEGO, A CHAVE DO MUNDO. Na presentación
pública desta edición do Correlingua, entregáronse os premios ao alumnado dos
centros de ensino gañadores dos diferentes concursos: elaboración do manifesto, banda
deseñada, e vídeo.

Desta volta o premio de Banda Deseñada foi para o alumnado de 3º e 4º de Educación
Primaria do CEIP Ramón Otero Pedraio, de Amoeiro, Ourense, que se presentou co
pseudónimo “Deseñamos”. O premio de Vídeo foi para o alumando de 4º da ESO
do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada que presentou co pseudónimo de Gallaecia Films o
audiovisual “Galego, chave do mundo”. Como finalista do manifesto foi escollido o
alumnado de 3º da ESO do IES Pintor Colmeiro, de Silleda e os gañadores foron “Os
Golgoretos” do grupo de 4º de ESO do IES A Pinguela, de Monforte.

Ademais do alumnado premiado, a presentación e entrega de premios contou coa
presenza de: Miguel Anxo Fernández Lores (Alcalde de Pontevedra), Anxo Louzao
(secretario nacional da CIG-Ensino), Susana Méndez (Vicepresidenta da Mesa pola
Normalización Linguistica), Demetrio Gómez Xunqueira (Concelleiro Normalización
Lingüistica do Concello de Pontevedra) e Marta Dacosta, coordinadora do Correlingua .

As carreiras pola lingua partirán de Ourense e percorrerán doce comarcas galegas
(Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O
Morrazo, do Deza Ribeira Sacra e A Mariña) coa participación de centros de ensino de
toda Galiza. Cada unha das carreiras rematará cunha festa pola lingua que contará con
actuacións teatrais e musicais por parte dos artistas convidados e do propio alumnado.

O Correlingua vénse celebrando de xeito regular desde o 2000 aínda que é unha
vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais e na actualidade está
organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical
Galega – Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo,
Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.