Baixo o lema: “Galego, o paso adiante”, doce carreiras pola lingua percorrerán 12 localidades galegas entre o 5 e o 16 de maio

Baixo o lema: “Galego, o paso adiante”, doce carreiras pola lingua percorrerán 12 localidades galegas entre o 5 e o 16 de maio

A 14ª edición do Correlingua foi presentada nun acto en Lugo no que participaron 140 alumnos e alumnas de tres centros, gañadores dos certames de Banda Deseñada, Vídeo e Manifesto.

A edición 2014 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo, foi presentada esta 24 de abril no Pazo da Deputación de Lugo.


Nesta presentación do Correlingua realizouse a entrega de premios ao alumnado gañador de cada un dos certames que foi:

  • No certame de Banda Deseñada: 5º A Colexio Divina Pastora- Salesianos Lugo.
  • No certame de Vídeo: 3º ESO IES de Elviña. A Coruña.
  • No certame de Manifesto: “Ameneiros”, 3º ESO. IES Isaac Díaz Pardo. Sada.

O alumnado recolleu os premios manifestando a súa satisfacción por ter participado nunha actividade colectiva que, ademais, lles permitiu reflexionar sobre a nosa lingua.

O Correlingua, percorreará doce localidades galegas entre o 5 e o 16 de maio, baixo o lema:  Galego, o paso adiante en diálogo aberto co escritor lugués homenaxeado este 2014, Xosé María Díaz Castro, quen, no inesquecíbel Penélope, falaba do abalar da historia de Galiza: “un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move”. Pois ben, neste ano en que se cumpre o 1º centenario do nacemento do escritor, o Correlingua quere responder desde o presente que avanzamos coa nosa lingua, porque o galego é un deses pasos adiante que citaba o poeta.

O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.

No acto de presentación de hoxe, interviñeron en nome das entidades organizadoras Anxo Louzao, Secretario nacional da CIG-Ensino, Antonio Veiga, Vicepresidente da Deputación de Lugo e Marcos Maceira, membro da Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística. Todos eles sinalaron a importancia de contarmos con actividades coma esta que, desde unha perspectiva lúdica e reivindicativa, permítenlle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e reclamar o seu dereito a vivir en galego. Agradeceron a implicación e colaboración do profesorado e do alumnado participante e reclamaron o apoio de todas as institucións que teñen entre as súas funcións a defensa da lingua.

Desde a organización, sinalouse que todos os traballos presentados aos diferentes certames demostraban a capacidade do alumnado para analizar a nosa realidade e comprender a situación da lingua, dando lugar a propostas concretas para dar pasos en prol da normalización da nosa lingua. O propio alumnado sinalou a importancia da presenza do galego nos diferentes medios de comunicación, nas redes sociais ou unha maior presenza no ámbito educativo.

Cada unha das doce carreiras rematará nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, en que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado dos seguintes centros IES de Arzúa, IES Vicente Otero Valcárcel de Carral, IES Lama das Quendas de Chantada, IES Joham Carballeira de Bueu e IES Pino Manso do Porriño que seleccionaron como gañadores a Superoito, Monoulious Dop e Quempallou.

Como todos os anos contaremos, para conducir o acto da festa final, cunha persoa de relevo, que nesta ocasión é a actriz Isabel Risco, recente gañadora do premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto na serie Era Visto!.