Paciencia

Paciencia

Bolboreta, ou o que é o mesmo, Lydia Botana, canta para lembrarnos a inconsistencia dos valores materiais e dos enganos das falsas pretensións, que nos empurran a querer ser algo ou alguén, lonxe do de quen realmente somos.

O videoclip de Paciencia foi filmado nas rúas de Barcelona onde a artista coruñesa percorre algúns dos escenarios de culto da música “mestiza” nesa cidade, como son a Sala Salamandra ou a Bodega Saltó.

Acompañada á voz e ao baixo por Gambeat (baixista de Les French Lovers, Radio Bemba, Manu Chao), Lydia, aparece caracterizada coma membro de moi distintos gremios e de variadas tribos urbanas. Pero de entre todas estas aparencias, e polo seu simbolismo, destaca a imaxe na que Lydia aparece co traxe de bombeiro emprestado por Roberto Rivas, o bombeiro coruñés que foi multado recentemente por se negar a participar nun desafiuzamento.

No seu conxunto, tanto a música como as imaxes convidan ao espectador a mudar o seu punto de vista sobre os problemas diarios para animalo a buscar una forma nova, vital e reivindicativa, de enfrontarse a eles: “paciencia e sé feliz” dinos Lydia. E música, moita música.