Coa lingua de fóra

Coa lingua de fóra

Con quince anos xa de traxectoria artística, Quempallou é unha das bandas máis representativas do folk galego. Levan a festa por bandeira en cada concerto, pero sen esquecer unha clara mensaxe de compromiso social.

Fan música de raiz dende un punto de vista actual, sen complexos nin ataduras, tendo sempre claro as súas orixes pero mirando cara adiante en todo momento. Claro reflexo son os seus traballos discográficos, nos que se observa unha constante evolución musical, coa que acadaron un son propio e característico. Dende aquel primeiro “Quempallou”, e a música tradicional como base, pasando por “Estremonías” e a forza da palabra, chegando a “Polo Aire”, cunha importante madurez musical, composicións propias e coidados arranxos, e finalmente “Vellas novas” (2012) que, cunha estética baseada no mundo do xornalismo, contén composicións propias e tradicionais ao máis xenuino estilo de Quempallou.
Deixádevos levar pola forza da súa música e da súa palabra…

…e  lume no peito!!!

Coa lingua de fóra

Guillerme Ignacio Costa

Xa levabamos ben tempo,

Fodidos por ben de anos,

Con aquilo de que había

Que falar o casteghano

Pero o pobo nunca quixo

Que lle trocaran a fala

Dicindo que a súa é boa

E que a nosa é a mala

E que foi que foi, que foi qué será

Din que temos lingua, e será verdá?

E será verdá, e será verdá,

Sácalla pra fóra, non a agoches máis!!

Moito traballiño deu-e

Que trunfara a razónhe

pra poder usar a lingua

Que nos sae do corazónhe

E-aghora que xa podemos

con liberdade empregala

non llo falamos ás nenas

non sexa que saian parvas!!

Úsana na vila e no Corte Inglés,

Usámola sempre, como ten que ser

Úsaa o tío Xan, e o avó Miguel

Usámola todas, úsaa ti tamén!!

Que se a nosa Terra é nosa,

A nosa fala taménhe

Mira ti se somos ricos

Inda qu’algún non s’entere

Así que se hai quen che diga

Que non lle gusta o galego

Ti dille non te preocupes,

Que por ti x’o falo eu,

Pero inda é boa vergoña

Non saber o que é DE TEU.

Bótallela xa, non a agoches máis

Con todo o dereito queremos falar

Dilles que non foi como eles din

Qu’en galego sempre quixemos vivir

Qu’en galego agora podemos vivir!!!